viernes, 21 de enero de 2011

A lei de augas de Galicia a debate

Un interesante debate está a ter lugar en ESF Galicia sobre a nova Lei de Augas. Aquí vai a miña opinión:

O choque cultural do que se falou vén neste caso por como afecta a lei aos habitantes das aldeas pequenas que se tiveron que buscar a vida cando ninguén lles daba un servizo que polo demais é un dereito humano. Estas pequenas aldeas son asentamentos típicos de Galicia que tradicionalmente viñeron facilitando a explotación de recursos no rural e na miña opinión aínda manteñen o rural galego entre os máis vivos de España a pesar da urbanización da poboación e de que se está tratando de buscar outro tipo de modelos territoriais presumiblemente "máis eficientes" (o cal  eu non comparto por parecerme menos sostibles, máis desequilibrantes e pouco adaptados a nosa zona, por máis que dende un punto de vista de grandes infraestructuras tal como están plantexadas até o dagora como liñas eléctricas, sistemas de saneamento ou abastecemento sexa moito menos eficiente, pero lembrade que eses sistemas non son os únicos).

Isto fai que esté dacordo nun primeiro momento coa historia que conta Participante 1 de que estaban tirados sen servizo, tiveron que buscarse a vida, e agora fanlles pagar por algo que non se sabe moi ben que é e semella que se paga pola auga ou por un servizo de saneamento que non teñen. Erro grave de Augas de Galicia que xa Participante 4 recoñecía, a difusión. Era importante (e se se fixo está visto que non se fixo o suficientemente ben) a inclusión de moitos axentes importantes na xestión do recurso hídrico como os proveedores de servizos rurais (sí, o que nos promovemos en Honduras de Xuntas de Auga Potable, que tamén o hai en Galicia hai moito tempo, as traídas veciñais, as que os veciños pagaron apoquinando do seu bolsillo ou vendendo os piñeiros do monte veciñal sen que nin Xunta nin o concello lles deran nin un chavo) no proceso da aprobación da lei (se ademais por enriba se veía que ían ser afectados e se podía dar lugar a malas interpretacións, moitas veces interesadas por grupos políticos ou lobbies do tipo que fora). O que pasa é que non hai moita cultura de transparencia real aínda na administración pública española (a lei de transparencia estatal xa está nun caixón...). Moi boas ideas foron rexeitadas porque  a xente non se sentiu partícipe ou non se difundiron o suficiente para que a xente as entendera vira que realmente eran boas ideas, xustas e que beneficiaban a todos.

Dito isto, creo que estamos dacordo que o ese novo canon non ten demasiado que ver co extinto canon de saneamento. Non comparto o que se fala de que o canon é "pagar pola auga". Entendo polo que vin na lei que se trata de recuperar costes do ciclo da auga, e se especifica algúns deses conceptos. A min me parecen ben, sobre todo o concepto de que o que Augas de Galicia recaude o invirta Augas de Galicia  (tanto do canon como das posibles sancións, que dito sexa de paso me gustaría que o concepto de "quen contamina, limpa todito" tivera aínda máis presenza que o de "quen contamina, paga"). Así a posibilidade de que se "disolva" o impacto dese canon e non se empregue para o que se ten que empregar é menor.

O problema da contaminación difusa tamén se afrontará co canon? Porque eses asentamentos dispersos afectan moito a iso (por iso tampouco me parece ben de todo que porque non se esté enganchado a unha rede de saneamento e o máis común sexa, con sorte, unha fosa séptica de deseño dubidoso, xa non se teña que pagar nada, porque a contaminación polo tratamento inaxeitado desas augas ou as da limpeza dos establos ou da cisterna de purín estame a afectar a min tamén...). Aquí ven entendo eu o de ter en conta todo o ciclo da auga e minimizar o impacto das actividades humanas (cos principios de solidariedade, responsabilidade e blablabla), e se hai que pagar un pequeno canon para aportar algo a isto e ser máis conscientes dalgunhas cousas, pois a min me parece ben (pero se a cousa non se acaba na simple recaudación, e se fai pedagoxía e educación ambiental e pola sostenibilidade).

Neste caso non creo que nin os que din que se privatiza a auga coa lei teñan razón, nin tampouco de que sexa privatización o que se defende no conto que conta Participante 1 (o de "a túa auga só e túa" que se mencionaba, trátase de "a nosa auga é nosa", que non é o mesmo, e por certo hai máis xente en ESF ao que lle oín este mesmo discurso). O da privatización (o concepto de empresa privada e ánimo de lucro cun ben ou servizo básico para o desenvolvemento humano) creo que está estamos de acordo tódolos que estamos máis ou menos na onda de ESF de que non é aceptable no caso dos servizos básicos (e creo que nin no caso que defende Participante 1 nin tampouco Augas de Galicia é un caso de privatización porque non inclúe ningún destes elementos). Augas de Galicia non é unha empresa, e tampouco ten ánimo de lucro. Outro tema é que se poida facer unha concesión a empresas, pero a última palabra a ten esta entidade pública. Trátase de que o estado vele e controle (con tarifas máximas, medidas de solidariedade interterritorial, etc.). E se o estado a través das súas institucións lles fixera o xogo as empresas, porque todos sabemos que hai moitos intereses creados, ENTÓN A CIDADANÍA DEBE ESTAR AHÍ. Pero nin moito menos penso que esta lei busque a privatización.

 A "confrontación cultural" aquí penso que ven máis entre o modelo "público" ou de xestión pola administración pública e o "modelo de xestión comunitaria" (algo así como cando discuten os comunistas e os anarquistas, para entendernos, jejejeje, o Estado vs a Comunidade Autoxestionaria).  O malo da xestión estatal é cando é arbitraria e non solidaria, ou cando non se obteñen resultados nin se permite a participación real da poboación. O malo da xestión comunitaria é que en moitos casos (como pode ser o da auga) non teñen unha visión integral e pode haber problemas na sostenibilidade do recurso (lembro un "conto" sobre certo pobo onde chegaron uns motores para aproveitar a escasa auga do río na época seca e como o que para os habitantes dese pobo foi un avance porque podían regar, converteuse nun problema para os pobos de augas abaixo...). Pero ambos enfoques se necesitan e complementan (os que entenden disto chámanlles "aneis", está o anel da unidade familiar, o comunitario, o institucional local, o autonómico, que deben estar ben coordinados e haber transparencia, e é que hai unha cousa que dixo a premio nobel E. Ostrom que é algo así como que para xestionar recursos complexos son necesarias estructuras complexas, e o recurso hídrico con todo o seu ciclo estaredes dacordo que é complicado de xestionar.

Preocúpame un pouco o tema de acuicultura (art 60), aos que non lles promove o que teñan o sello de certificación ambiental para que paguen menos canon, a diferencia do que se fai coas instalacións deportivas (e que ademais me parece que pagan moi pouco respecto ao impacto que teñen as súas actividades, máis alá do que paguen de canon de verquido que non creo que paguen nada porque non verten a sumidoiros públicos, pero supoño que igual non se quere que marchen de novo para Portugal... ;-DDD). Isto o digo porque nas modificacións das leis do solo dende que son consciente viñeron a dar máis flexibilidade e facilidades a unha industria que é estratéxica para Galicia sobre todo nos gobernos do PP (pero que creo que non se ten suficientemente monitoreada nin controlados os parámetros de calidade de auga que botan).

Non vexo moito o tema de sensibilización en boas prácticas de uso de auga entre as funcións e competencias de Augas de Galicia, non debería tamén ter algo ou moito que dicir e campañas que propoñer nisto ou queda para Medio Ambiente? Tampouco acabo de ver moi definidos os cauces de participación social nos procesos nin nos organismos (haberá regulamento da lei que desenvolva isto, seguramente...).

Algo clave é que esteamos xa fartos de leis que din unha cousa e logo se fai outra..., pero iso xa entra noutro debate e como mínimo eu defendo o beneficio da dúbida (e por outro lado é tamén responsabilidade dos cidadás denunciar e facer incidencia cando algo non se está facendo ben, ou se se ve que a lei está mal deseñada nalgún aspecto que se pon de manifesto cando xa se está cumplindo, trátase de buscar a "mellora continua" sen dar cheques en blanco aos políticos, cara un sistema que asegure acceso mínimo de calidade ao servizos básicos e a solidariedade, e se non hai bos espazos de participación previstos, SE CONSTRÚEN).

1 comentario:

Roberto Roget Antelo dijo...

Bo ladrillo, si señor. Moi bos apuntamentos sobre acuicultura, inclusión de axentes e boas prácticas de uso de auga entre as funcións e competencias de Augas de Galicia.